Memorias da Brétema, Historias dunha bisbarra do Ulló

Colección Novela
Un libro de Alberte Blanco Casal

Todos os que descobren por vez primeira a antiga enseada do Ulló quedan prendidos pola beleza atlántica e o estraño magnetismo telúrico da súa paisaxe marítima, dunha sutil saudade nos días de brétema. O signo dos tempos foi transformando a súa idílica paisaxe primordial, deturpando a primitiva morfoloxía costeira, empeñándose en velar a memoria dos soños de antano. Emporiso, se fxamos a nosa mirada no pasado mítico da infancia, as tebras irán esvaecéndose e poderemos evocar os antigos paraísos perdidos. Armados coa maxia da memoria, verémolos emerxendo entre nós vingándonos da crueldade do progreso.
Con ese obxecto escribiuse este libro, sacando á superfcie algúns datos inéditos ou pouco coñecidos da antiga bisbarra de Cobres. A obra está estruturada en catro libros ou partes e, na primeira, “Cobres, unha bisbarra do Ulló” trázanse unhas pinceladas sobre as orixes e algúns aspectos do devir histórico, político e social desta comarca de Vilaboa no período que vai dende o s.XVI ata a primeira metade do s.XX. No libro “Soños, derrotas e outras historias” nárranse algúns episodios relevantes das vidas de Roxelio Calvar e os seus curmáns Pepe e Belarmino Casal antes, durante e despois da II República, cunha crónica do seu cativerio durante a Guerra Civil, rematando no tráxico naufraxio da lancha cos falanxistas fronte ao Lazareto en 1950. O terceiro libro “Tempos de contrabando” introdúcenos nunha historia real, con personaxes de nome fcticio,
representativa das intrépidas e perigosas aventuras do estraperlo na época gris da autarquía franquista. A última parte está formada por unha escolma de vinte relatos que pretenden ilustrar as vivencias dun neno do rural, mergullado no seu mundo infantil, máxico e surrealista, naquela dura posguerra, recollidos baixo o epígrafe de “Telumbres de lúa”. Os últimos retrincos dese libro pertencen á mocidade do autor, entre eles, un sobre os acontecementos da loita contra a autoestrada do Atlántico na década dos 70 do século pasado. En defnitiva, todos os relatos forman parte desa historia da comarca, oculta ou esquecida polo paso do tempo, á que só podemos acceder a través da memoria, mergullándonos nas brétemas nutricias do Ulló, para volver renacer albiscando con máis forza ese pasado sen o cal seríamos máis incompletos e, sobre todo, menos conscientes de quen somos e do que aínda nos queda por facer.

Biografía:

Alberte Blanco Casal (Cobres-Vilaboa, Pontevedra, 1951), enxeñeiro técnico industrial e profesor de ensino secundario. En calidade de Director Xeral de Montes (2005-2009) participou na obra colectiva Os incendios forestais en Galicia (2006), editada polo Consello da Cultura Galega. É colaborador das revistas Terra e Tempo de Compostela e Fórum Galaico Transmontano de Chaves (Portugal). Colabora como articulista nos diarios dixitais Sermos Galiza e Praza Pública. Arcadia. Os gardiáns do segredo (2013) é a súa primeira novela. En 2015 a Deputación de Ourense publicou a súa obra de investigación O conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense. Aproximación histórica ao período 1840-1930. En 2017 Edicións Xerais publica a súa novela O Códice esmeralda, finalista do Premio Xerais de novela en 2015. Tamén en 2017 Sermos Galiza edita a obra colectiva O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional? na que participa como poñente e coordinador.



Contacta con nosotros



Los campos con asterisco son obligatorios

Llámanos sin compromiso al
91 082 0048