“Siento en gallego, hay un continuo reflejo de las impresiones recibidas en mi comarca de origen, netamente gallega, que es Terra Chá…”, así se expresaba o poeta, narrador e xornalista Manuel María González, de San Cosme de Piñeiro, chairego de nación e un luceiro na alba das letras pastoricenses de Tras da Corda, a terra de barro e area que por fin saúda como debe a obra completa de un dos seus fillos pródigos no mundo letrado, vagante cinco décadas, como o lobo cunqueiriano polas valgas do Alto Miño que ligan a Serra de Meira co Campo do Oso. A súa rancia estirpe nas veigas de Crecente e nos outos montes de Bretoña levaríano a asinar unha incipiente obra xornalística co heterónimo Juan d’Hermida e de compartir as páxinas do semanario Las Riberas del Eo con Chao Espina, Gamallo Fierrros, Carmiña Prieto e as figuras literarias do Norte, acabando por integrar a tertulia lucense La Estufa Marrón con Alejandro Armesto ou Costas Lombardía, e por compartir oficio e amizade co poeta courelao Uxío Novoneyra e co catedrático mindoniense don Ricardo Pedreira, quen mellor o define como “cen por cento galego, estudoso e dotado dunha excepcional intelixencia para as ciencias humanísticas no ámbito da economía, da literatura, a historia ou a xeografía económica”.
Antes de que un tráxico accidente tronzase a súa vida en Tetuán aos 33 anos, este funcionario pastoricense do Banco de España deixaría unha fonda pegada na súa estadía madrileña coa participación activa no grupo literario Vuelo e no parladoiro do café León, así como na capital catalana como directivo e bibliotecario do Centro Galego de Barcelona que presidía o poeta ourensán Casado Nieto, onde comparte recital con Pura Vázquez e se fai correspondente do Diario Español de Costa Rica, con entrevistas de alcance ao divino Salvador Dalí e outros artistas de sona. Aínda as súas atinadas análises deixarán constancia da cultura mora no Magreb dos anos cincuenta.
Imbuído pola xeografía urbana luguesa, o movemento cultural catalán e a pegada musulmana, Juan d’ Hermida asinará numerosas entregas poéticas consagradas expresamente a localidades da comarca natal (a bisbarra de Tras da Corda, Meira, Castro de Rei, Mondoñedo, Foz, Ribadeo, Abres, Vegadeo…) e cidades de adopción (Barcelona, Madrid, Lugo…), declarándose partidario da poesía lírica de carácter autodidacta e recoñecendo a súa débeda coa leitura intensiva de Machado, Valle Inclán ou os modernos Domenchina e Salinas, logo de salientar a súa condición de poeta galego á par que manifesta unha sentida admiración polo seu homónimo Manuel María de Outeiro de Rei, por Pimentel, Alvariño, Leal Ínsua, Díaz Jácome, Ángel Johán ou Luz Pozo, constando entre os seus grandes amigos o escritor Costa Clavell e o xornalista José Tuñas Bouzón.
No seu haber conta con sete poemarios e 200 poemas dispersos en lingua española, trinta textos en galego, así como unha vintena de relatos, medio cento de artigos xornalísticos de re varia, ensaios críticos, guións de novelas e pezas teatrais, memorias e investigacións sobre técnicas comerciais. Con acerto, tense dito que nesta persoa conviviron o prosaico cultivador da ciencia contábel, o exhaustivo economista e o creador no que os deuses depositaron un apaixonado lirismo con invocación reiterada á xeografía sentimental propia da musa galaica. Medio século despois, por fin volve a nós esta voz inqueda, fonda e concentrada, como un refacho nado no parnaso da Corda montañesa.