Caía a tarde nun día de outoniño de 1975 cando un tráxico accidente puxo fin ao intenso periplo vital do historiador, sacerdote e profesor don Rogelio Reigosa Ferreiro. En razón dos seus méritos, un lustro antes fora proclamado Cronista Honorario de Castro Verde, ilustre municipio lucense de grande avoengo onde vira a luz o último ano do século XIX, aos pés do Monte Cupario no que a
nobreza galega lle plantara cara ao afán expansionista da monarquía asturiana alá polos albores da Reconquista. Seguindo a doutrina do poeta portugués Miguel Torga, procurou a universalidade
afondando na historia local sen ataduras e rexeitaba a desidia dos castroverdenses por descubrir o seu pasado. Así, o Rvdo.
Rogelio Reigosa foi tecendo un longo serial de colaboracións periódicas que baixo o titular “Haciendo historia” trataban de debullar no prestixioso patrimonio cultural de Castro Verde e das
terras irmás do antigo Condado de Chamoso, de Lucus Augusti ou de Luaces.
Após medio século, un discípulo seu tamén castroverdense, o doutor e escritor Ricardo Polín (que sendo un rapaz se sorprendía de que, aínda perdendo a vista, Don Rogelio se esforzase por
continuar descifrando vellos protocolos e pergamiños relativos ao pobo que compartían), reúne aquí o conxunto das súas investigacións, en coidada edición para xeral coñecemento, tratando a un
tempo de rescatar e de honrar esta senlleira referencia académica e humana achicada en medio da amnesia colectiva, activando a autoestima de aqueles que medraron á sombra da Fortaleza que
outrora foi Torre Mirafermosa. Son as notas de fidalguía que o cronista exhorta a custodiar como fillos ben nacidos de unha mesma raíz compartida.
Educado no seo de unha familia de clara vocación humanista e fillo de un afamado médico rural; crego supervivente no Madrid republicano da guerra fraticida e esforzado educador nos anos da fame; activista implicado, dotado de gran curiosidade intelectual; Rogelio Reigosa tamén lle legou a Castro Verde unha ampla obra social que este libro pretende valorar, nun exercicio de xusta reposición e desagravio que detén o paso para ollar atrás sobre eses vestixios históricos que para el constituían símbolos de fonda preocupación e cuxa restitución xulgaba benemérito labor.